Cruceiros, cabazos e flores
Silvia Blanco Agüeira
Texto
Algúns relatos están xa tan raídos que calquera invitación a retomalos arrepía. Porque resulta que todo o mundo adora a Sota. A súa capacidade para crear edificios atemporais, tan lixeiros coma os seus propios bosquexos, axuda. Pero sobe todo, é estimado pola forza incontestable de obras coma o Goberno Civil de Tarragona ou o madrileño ximnasio do Colexio Maravillas, fitos da arquitectura moderna española e referentes obrigados para xeracións enteiras de estudantes de arquitectura.
Chega nova munición en 2018, coincidindo coa homenaxe que a Real Academia de Belas Artes lle brindou, dedicándolle o Día das Artes Galegas. Quíxose así difundir a obra do arquitecto entre o gran publico, pois no ámbito académico o número de teses doutorais, artigos e publicacións sobre o seu pensamento é inabarcable. Apelando á súa orixe pontevedresa, este número de Obradoiro Dixital estableceu como fío condutor o listado de proxectos destinados á súa terra. Resulta un xogo tentador atopar neles trazas da idiosincrasia galega, da esencia e da tradición dun pobo. Tentador, porque o protagonista residiu durante a maior parte da súa vida a centos de quilómetros de distancia. Difícil, porque esta operación obriga a introducirse nun ámbito de efervescencia e misterio, no que se mesturan as paisaxes da infancia, as viaxes, os recordos e o proxecto.
Se consideramos que eses apuntes biográficos animan cada deseño, a mesa plegable ideada por Alejandro de la Sota nos anos sesenta invita a somerxernos nos territorios da súa memoria . A imaxe deste moble lígase coa dunha das pezas que máis invitan á reflexión sobre os valores da vida rural galega: a mesa de levante. Fixada á parede, alzábase tras o seu uso para non interromper o espazo doméstico. No canto libre, posuía un pé articulado que descansaba verticalmente no chan cando esta se baixaba. Nese momento pasaba a ser accesible un sinxelo moble que se escondía tras a mesa, e cuxos estantes despregaban á visión os aveños necesarios para o acto de comer: o pan na zona inferior, a louza e o cristal nas baldas superiores. Hai que sinalar que a mirada desexa recoñecer, lembrar, relacionar camiños que se entrecruzan. Ocorre cando esta escorrega polos perfís da mesa sotiana, arredor da cal se xuntaba, na súa residencia en Madrid, a familia do arquitecto no xantar. Pero tamén acontece cando o ollar se detén noutros elementos que remiten á beleza do coñecido, pois sen recordos nin emocións, o cotián non existe.
Toda esa bagaxe cultural, aprendida na nenez pontevedresa, sae á superficie e acaba formando parte do seu traballo. Pódese adiviñar nesas caricaturas de Sota, nas que sobrevoa a presencia de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a figura máis relevante da cultura galega do século XX. É ben sabido que Alfonsito, o fillo de Castelao, foi un dos íntimos amigos da infancia de Alejandro de la Sota, e que este gardaba unha grande admiración polo pai do rapaz. Motivos suficientes para entender a presencia, nos seus primeiros anos de exercicio persoal, de hórreos e cruceiros espallados polos planos. Elementos simbólicos os primeiros, concibidos como ofrendas os segundos, se temos en conta os estudos realizados polo ensaísta e debuxante de Rianxo . Na Escola de Capataces de Bastiagueiro (A Coruña, 1945), aparece no lado leste unha interpretación do cabazo galego sobre oito pés, xunto cos demais edificios para a escola de agricultura, residencia e almacéns. No pavillón da Cámara Sindical de Pontevedra na III Feria Internacional del Campo (Madrid, 1956) inclúase un pequeno hórreo, así como un cruceiro, perfectamente distinguible dende os debuxos previos. Na primeira maqueta da proposta, aparecen os dous elementos completamente definidos sobre unha superficie terrosa, en compañía de planos envelenados de flores e sorprendentes estampados. Castelao afirmaba que os cruceiros eran perdóns do ceo, un símbolo de protección colocado alí onde houbo un pecado. Oracións pétreas, visibles nos cruces dos camiños, nos cemiterios, nos adros das igrexas ou como marcos distinguibles no territorio. Carente de calquera senso anterior e despoxado da súa función, no cruceiro do pavillón ficaría o desexo —acaso inconsciente— de manter vivos os ensinos do mestre, pioneiro no estudo minucioso das cruces de pedra en Galicia.
Sota captou os valores plásticos que contiña a arquitectura popular galega, establecendo unha rede de conexións e vínculos baseada na abstracción. Os trazos para unha igrexa en Combarro, proxectada en 1958 e nunca construída, facilítanos un espello onde mirarnos, ata o punto de recoñecer nalgunha das esquemáticas liñas un patín como acceso ó templo. Nesa escaleira dun tramo, paralela á fachada, que culmina nun folgado patamal , podemos recoñecer esa ampla gama de respostas construtivas en pedra das casas mariñeiras.
En definitiva, sen Galicia non poden entenderse as secretas paixóns que deberon alumear algúns dos deseños de Alejandro de la Sota. E aínda que a arquitectura popular se foi diluíndo ó longo da súa traxectoria, veremos ás veces transparentarse ese mundo persoal do que naceron algunhas das súas ideas. É como se agora puidésemos saber un pouco máis da materia da que estaban feitos eses proxectos. En palabras do intelectual Xosé Figueira Valverde, os irmáns máis artísticos da familia, tanto Leixandre como Suso, «foron moi independentes no seu facer, pero aquela Pontevedra viviu sempre no seu espírito» .
Silvia Blanco Agüeira é doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña (2009). Profesora no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia. Autora de libros, artigos e relatorios, ten elaborado tamén diversos textos para plataformas dixitais. En todos eles a catalogación e a difusión do patrimonio son parte fundamental do seu traballo.
Notas
1. Silvia Blanco Agüeira, «O moble na construcción do doméstico», en Da árbore á cadeira, ed. Xunta de Galicia (Santiago de Compostela: Fundación Cidade da Cultura, 2017), 30-35.
2. Alfonso R. Castelao, Cousas (Vigo: Galaxia, 1992), 15.
3. Para coñecer diferentes tipoloxías de casa con patín, véxase: Pedro de Llano Cabado, Arquitectura popular en Galicia. Razón e construción (Santiago de Compostela: COAG, 1996), 177-179.
4. Xosé Figueira Valverde, «Lembranza do primeiro Alexandre de la Sota», Grial 109 (1991): 122.