Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Outubro 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

En 1978, a Comisión do Cultura do COAG poñía na rúa o número 0 da revista Obradoiro, materializando unha das súas constantes aspiracións: dotar ao COAG, e a través del á sociedade galega, dunha revista que fose un instrumento aberto de información, estudo e discusión, sobre todo o relacionado coa Arquitectura, o Urbanismo, a construción e o medio ambiente.

En marzo de 2012, en plena crise económica, publicouse o número 34 da revista no seu formato impreso, sendo ata a data o último número que viu a luz en papel tal e como viñeron facendo os distintos equipos editoriais desde os seus inicios. Toda unha traxectoria de compromiso coa cultura do noso país e unha manifestación clara do que, desde a arquitectura, podemos achegar polo coñecemento e a mellora dos nosos espazos vitais.

Pasados corenta anos desde a aparición do número 0 e seis desde o número 34, na súa nova andaina dixital, OBD - Obradoiro Dixital reafírmase nos seus compromisos fundacionais cunha clara vocación de ampliar o seu alcance e difusión grazas ás posibilidades que os novos recursos dixitais poñen a disposición da sociedade do presente.

Neste primeiro número, OBD retoma o compromiso da publicación dos proxectos premiados e finalistas dos Premios COAG, nas súas edicións XV e XVI. Unha convocatoria bianual que non se chegou a interromper, pese ao colapso que —en todas as ordes da profesión, tamén no colexial— supuxo a crise. Aquí recóllese un relevante mostrario da arquitectura feita en Galicia durante os primeiros anos do presente século. En efecto, as obras presentadas foron finalizadas no período que comprende de 2010 a 2014, o que determina unha xestación dos proxectos que as sitúa no preludio da crise, cando non no seu apoxeo. Arquitecturas que arrincan no principio dun novo milenio, cando parecía que, máis aló de anécdotas e tópicos sociais e mediáticos, a profesión de arquitecto podería continuarse con certas garantías cara ao futuro. Non sucedeu así. De súpeto, a crise paralizou por completo, e durante moito máis tempo do esperado, un sector produtivo —o da construción— considerado tradicionalmente como o motor económico do país. Pero, ao quebranto dos proxectos, á frustración das expectativas e ás dificultades de supervivencia dos profesionais, agravadas pola falta de apoio de administracións públicas —que, eludindo as súas responsabilidades, optaron por reducir honorarios e incrementar esixencias, abusando das adxudicacións directas ou mediante poxa—, sobrepúxose un número non pequeno de arquitectos tirando de vocación e empeño para producir obras como as que aquí se publican. E, aínda que as vertentes económica, social e profesional da arquitectura esborralláronse coa crise, a cultural non só non se resentiu, senón que se renovou e fortaleceu. Os arquitectos aproveitamos para reflexionar sobre o noso, certo é que con máis desalento que optimismo, nunha contorna certamente hostil, pero achegando con xenerosidade e valentía pezas moi notables de arquitectura, que enriquecen o patrimonio propio e convidan o discurso intelectual de e sobre Galicia.

O século XXI viu emerxer e consolidarse unha nova xeración de arquitectos galegos, curtidos nas frontes da crise, provistos dunha ampla bagaxe técnica e cultural, un indubidable amor á profesión e unha incrible capacidade de sacrificio. Todo iso cristalizou en exemplos de arquitectura que, agrupados en categorías, mereceron o recoñecemento dos seus compañeiros de profesión a través dos premios COAG. Trátase, en xeral, de proxectos modestos, de escasa entidade e reducido orzamento. Na maioría, a característica máis destacable é a delicadeza. Tamén, a introspección; a mirada vólvese cara a dentro, no canto de cara ó exterior, no sentido da liña editorial que guiou a elaboración da maioría dos números impresos da revista Obradoiro, e que nos deron a oportunidade de coñecer e compartir o que, desde o exercicio comprometido e responsable da arquitectura, fomos capaces de achegar na conformación dos lugares que habitamos. É hora de reivindicar a enorme achega á cultura, a dignidade, o rigor e a capacidade técnica, expresiva e propositiva duns profesionais galegos sistematicamente excluídos das grandes operacións arquitectónicas que se xestionan na súa propia terra.

Confiamos en que, con este e cos sucesivos números de Obradoiro Dixital, se contribúa a escribir un novo capítulo na arquitectura galega que, polo que alcanzamos a albiscar, promete ser brillante.

Cristóbal Crespo
José Manuel Rosales
Antonio S. Río