Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Outubro 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Mellora do Medio Rural de San Salvador dos Penedos

Finalista COAG XV
Ordenación do territorio

Allariz
Marta Somoza Medina / Oficina Técnica Municipal de Allariz

Texto

O plan ten por finalidade a protección, xestión e posta en valor dos elementos de valor patrimonial, paisaxístico e ecolóxico presentes no medio rural de San Salvador dos Penedos. O ámbito abrangue unha superficie de 734 hectáreas que recolle solos rústicos adicados a cultivos, pastos, bosques e monte, xunto coas aldeas de San Salvador, Paicordeiro e Xugueiros.

Os bens incluídos no ámbito a protexer e potenciar son:

1. As zonas núcleo da reserva da biosfera “Área de Allariz”, declarada pola U.N.E.S.C.O. no ano 2005, nas que se debe fomentar o mantenemento da diversidade dos recursos xenéticos, os ecosistemas e as paisaxes; o desenvolvemento económico e humano sostible; e as actividades de investigación científica e educación ambiental.

2. Os camiños de orixe medieval conservados cos seus trazados e características orixinais, especialmente unha variante do camiño a Santiago que ven de Verín, atravesa Allariz e segue en dirección norte cara a Ourense.

3. As aldeas tradicionais, con morfoloxías e tipoloxías de gran riqueza espacial.

Os obxectivos do plan especial son:

1. Protexer e xestionar o territorio a través dun marco normativo que fomente o desenvolvemento sustentable con especial atención aos valores ambientais presentes no ámbito, con identificación dos corredores ecolóxicos que conecten as áreas de maior valor natural e favorezan a conservación da biodiversidade, os hábitats e as paisaxes.

2. Favorecer as actividades agropecuarias e silvícolas a partir da protección e posta en valor dos recursos naturais.

3. Valorar os camiños existentes no ámbito, que forman unha rede continua que dota de conectividade e accesibilidade ao territorio, en especial ao tramo do camiño a Santiago, do que se protexen tanto os elementos que o caracterizan (trazado, pendentes, pavimentos, bordes, muros e arboredo), como a percepción das paisaxes que dende él se contemplan.

4. Xestionar os recursos do medio fomentando os usos propios da economía rural xunto con outros de investigación da natureza e esparcimiento da poboación.

Para elo o plan reserva certos solos no ámbito (muíños, alpendres e casas de campo) destinados a acoller actividades de interese público e social, relacionados coas funcións das reservas da biosfera (investigación científica e educación ambiental) e co disfrute do medio pola poboación.

5. Rehabilitar as aldeas de San Salvador e Paicordeiro a partir do respeto das súas características tradicionais, especialmente a configuración morfolóxica e as tipoloxías.

Para acadar os obxectivos plantexados, o plan clasifica o territorio en dotacións e zonas.

As dotacións constitúen a estructura orgánica do territorio e forman unha malla integrada polas redes públicas de camiños e cauces de augas ás que se incorporan reservas de solo para equipamientos localizadas nas construccións etnográficas existentes na zona. A dotacións recollen usos e servicios para a colectividade.

As zonas forman o tecido do territorio e comprenden os solos privados que soportan actividades reguladas. O plan condiciona as accións relacionadas co uso do solo e subsolo e coa edificación, tales como parcelacións, movementos de terra, cambios das coberturas do solo ou novas construccións.

Trabállase con mecanismos relativos á intervención da administración nas actuacións dos particulares, condicionando a obtención de licencia en actos regulados e definindo mecanismos de adquisición de solo a partir de dereitos de tanteo e retracto ou de expropiación que permitan a execución de equipamientos públicos ou a creación de viviendas de protección oficial.

Como criterio xeral a normativa busca protexer as caracerísticas esenciais das paisaxes rurais pero permitindo certo grao de transformación.

Por outra banda, dentro da idea de protección da percepción das aldeas dende o camiño e da súa morfoloxía característica, o plan introduce limitacións a novas edificacións en certos solos clasificados polo plan xeral como de núcleo rural, recortando extensións de crecemento previstas nas zonas de cultivo contiguas ás aldeas que pasan a denominarse solos non edificables de núcleo rural.

O plan establece ademáis recomendacións no solo urbanizable non delimitado que une o ámbito coa vila de Allariz, definido como solo de transición que, en caso de se desenvolver, non debería superar unha edificabilidade de 0,10 m2/m2, na que se debería crear unha reserva de equipamientos con porcentaxes da orde do 65% de solo de cesión, e nas que a localización de dotacións locais deberíanse emprazar adxacentes ao camiño histórico.

Por último o plan inclúe unha ordenación pormiudada da aldea de San Salvador que busca valorar a morfoloxía da aldea, especialmente a configuración arracimada sobre o camiño dalgunhas casas con eirado, e os grupos de casas en fiadas e con balcón. Procúrase o mantenemento de certa complexidade de usos do casarío, establecendo porcentaxes mínimos de usos terciarios a emprazar principalmente nas palleiras . Tamén se elabora un catálogo de edificacións no que se establecen os parámetros para a súa rehabilitación respetando as carácterísticas tipolóxicas, especialmente a volumetría das construccións, os espacios libres intermedios de acceso e os materiais.

Web do Proxecto:San Salvador dos Penedos