Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Outubro 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

A exposición Alejandro de la Sota 1913-1996

Elvira Carregado Pazos

Texto

En abril de 2017 o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia remitiu á Real Academia Galega de Belas Artes (en adiante RAGBA) a súa proposta para a dedicación do Día das Artes Galegas do ano 2018 a Alejandro de la Sota Martínez:

Dende o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia propoñemos honrar a memoria do arquitecto D. Alejandro da Sota, suxerindo dedicarlle o Día das Artes Galegas do ano 2018. Pedímolo tamén en representación dun colectivo que, en tempos moi difíciles en que a crise hase encarnizado con todo o sector da construción, tivo o arroxo de manter e mesmo incrementar o nivel e a calidade da arquitectura galega, como transmisores do exemplo de D. Alejandro de la Sota e coa absoluta convicción de que a Arquitectura é, ante todo, Cultura.

E foi a candidatura elixida polo pleno da RAGBA, na súa Sesión Ordinaria de 1 de xullo de 2017, tras unha deliberación na que a Academia tivo en conta a importante significación da súa obra arquitectónica e do seu legado, que influíu e segue influíndo nas xeracións posteriores1 .

O COAG recibiu a noticia con gran satisfacción, e considerou que lle correspondía acercar a figura e a obra de Alejandro de la Sota a toda a sociedade galega.

Os seus edificios son tan queridos para os arquitectos como descoñecidos para a sociedade e, quizá, difíciles de entender para os alleos a disciplina arquitectónica, polo que unha mostra que situase a «Sota na rúa», cunha linguaxe accesible para o público, parecía o máis apropiado.

A proposta foi unha exposición itinerante que inicialmente viaxaría ás 7 cidades galegas, permanecendo quince días en cada unha das seleccionadas. Era esa a idea inicial. Mais neste momento xa leva percorridas outras tres estacións mais: Ribeira, Bueu e Vilagarcía. Se prevén outras antes do cambio de testigo do Día das Artes para o próximo 2019.

Formalmente, a exposición consiste en oito prismas de base cadrada de 1,5 m e 2 m de altura. Cada un deles recolle unha tipoloxía, e cada tipoloxía presenta dous proxectos, agás o denominado «Espazos para habitar» que agrupa tres por incorporar un proxecto adicional na parte posterior do prisma de presentación. Ademais no último prisma expóñense pezas de mobiliario deseñadas polo arquitecto.

Cada proxecto exponse en dúas caras ou paneis. Un deles mostra textos escritos polo propio Alejandro de la Sota. Primeiro un extracto da memoria onde se reflexa as ideas principais ou liñas de forza da obra. E outro, en maior tamaño maior, é unha frase/idea que se ve implícita ou explícitamente materializada na obra tratada.

O segundo panel componse de fotos, bocetos e planos. Estes últimos móstranse simplificados e explicados con códigos de cores para facilitar a súa lectura.

As obras foron seleccionadas e agrupadas tipoloxías, once proxectos organizados cinco bloques temáticos, ademais dun prisma intermedio, o nº 5, que tenta reflectir o seu ideario, e dous paneis adicados ao mobiliario.

Foi unha encomenda difícil —sinalan os directores da exposición— sintetizar dun modo sinxelo e atractivo a complexidade da obra de Sota para o publico xeral. Sen dúbida, non foi doado.

A proposta dálle protagonismo a palabra, simplificando no posible a documentación técnica. Cada proxecto, recolle unha idea.

E comezamos un pequeno percorrido. Despois da presentación, a mostra invita a iniciar un percorrido organizado a partir da selección de cinco «espazos»:

ESPAZOS DE HABITAR

Poboado de Esquivel: a idea para o seu deseño é a arquitectura popular. Neste proxecto, da súa primeira etapa profesional no Instituto Nacional de Colonización, estuda a arquitectura tradicional, debuxa xanelas, tapias, muros… a entende e transporta as formas sinxelas dende a arquitectura vernácula a unha de autor, cunha linguaxe moderna e actualizada.

Casa Guzmán: para esta xoia da arquitectura contemporánea, derrubada en 2016, a idea matriz é a relación coa natureza. Trátase dunha vivenda moi ben adaptada á topografía e integrada no medio natural que rompe a barreira interior-exterior por medio de grandes espazos acristalados. Basta con abrir unha porta para que a natureza entre ao interior da vivenda.

Casa Domínguez: o seu deseño inspírase na burbulla de Saaerinen. O habitáculo humano pódese representar nunha esfera cortada ao medio polo terreo, na que a zona que sobresae da terra é a da actividade e da vida en común, mentres que a enterrada baixo a cota do exterior é a do descanso.

ESPAZOS PARA A INDUSTRIA

Central leiteira CLESA: apoiase na idea da función das partes e do conxunto. Para de la Sota é máis importante a función que a forma, e nestas obras de carácter industrial leva ao extremo este axioma. Cada unha das partes constitúe un proxecto independente que, ao tempo, colonizan, dan forma e resolven o todo. Son como as pezas dun reloxo que deben encaixar perfectamente para cumprir a función global.

Talleres aeronaúticos de Barajas (TABSA): representa a relación enxeñería–arquitectura, idea representada na hipervisibilidade da cercha. Neste proxecto e obra comeza súa colaboración cos enxeñeiros, como inicio dunha relación que será moi intensa o resto da súa vida.

ESPAZOS PARA O DEPORTE

Pavillón Municipal de Deportes de Pontevedra: a idea dorsal do proxecto é a súa sección. O encargo foi resultado dun concurso público nacional. Está resolto todo el cunha única sección, sempre a mesma, tanto no lado largo e como no lado curto.

Ximnasio Maravillas: resolvendo o programa que lle foi imposto, de la Sota como arquitecto veuse na obriga de dar algo máis. Esta actitude sería, en palabras de D´ors, «dar lebre por gato». O arquitecto aproveita a estrutura e, invertendo a cercha, posibilita a construción dunhas aulas que non estaban no programa inicial.

Antes da seguinte tipoloxía, o prisma nº 5 condensa o seu ideario, a súa concepción ideolóxica. Dividímola en catro partes, tantas coma as caras do prisma: as súas «referencias» que se centran na vida, a natureza e a arquitectura popular, o seu «proceso creativo» facendo fincapé na creación e na innovación, as súas «búsquedas», que son o habitar e a tecnoloxía e, por último, a súa «idea do oficio».

ESPAZOS CIVIS

No Goberno civil de Tarragona prodúcese un cambio na súa arquitectura dirixíndose esta cara a abstracción. O edificio de Telecomunicacións é un cubo que funciona, versátil, con espazos diáfanos, que lle permitirán cambiar ao longo do tempo e reutilizarse.

ESPAZOS PARA A DOCENCIA:

Colexio Maior Cesar Carlos: nel prima a organización do programa, ocupando a parcela e residencia sen corredores, con estancias abertas nas que está sempre presente o xardín e, ao tempo, illadas dos accesos e dos veciños.

Aulario de Sevilla: trátase dun edificio introspectivo, colocado cara ó interior, pechado ao exterior e cun patio no que se fai a vida como en toda a arquitectura tradicional da zona.

No último prisma incorpóranse dous paneis con deseños de mobiliario para esas vivendas que cada vez reducen máis o seu tamaño. Concretamente, dúas cadeiras e unha mesa plegada. Destaca a procura da utilidade e da versatilidade.

Pechan a exposición outros dous paneis de presentación, permitindo o inicio do percorrido en calquera das dúas direccións.

Datos da exposición:

PROMOTOR
Colexio Oficial De Arquitectos de Galicia

COLABORA
Fundación Alejandro de la Sota
Academia de Belas Artes Nosa Señora Do Rosario

COORDINACIÓN E DIRECCION
Alberte Pérez, Carlos Mosquera, Enrique Iglesias para trespes.arquitectos

DESEÑO GRAFICO
Xosé Lois Vázquez, Nicole Carpentier para Disigna Edenia Buldin

IMPRESIÓN
Xaniño_comunicación gráfica

MONTAXE
Efrén Freije Botana
Héctor González Castro
Alberto Seijido Bello

Elvira Carregado Pazos é arquitecta e vogal do Colexio de Arquitectos de Galicia. Foi responsable da exposición itinerante Alejandro de la Sota 1913-1996

1. Web da Real Academia Galega de Belas Artes