Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Marzo 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Antonio Maroño Cal
Decano Presidente do COAG

Obradoiro ten sido, desde os comezos da actividade do COAG, o vieiro de expresión, reflexión e cultura do noso Colexio. Hoxe, ben entrado o século XXI, non pode ser máis unha publicación impresa. As revistas de Arquitectura —moitas de elas cabeceiras históricas— foron, tanto ou máis que os libros, vehículos de difusión, formación de pensamento e información, sobre todo entre arquitectos.

No 1973 nace o COAG da división do antigo Colegio de Arquitectos de León, Asturias e Galicia —sector noroeste da estrutura da organización profesional dos arquitectos españoles—, i enseguida os compañeiros de entón deciden, na liña doutros colectivos de arquitectos, iniciar unha revista propia, baixo a mesma Comisión de Cultura que deu orixe tamén, naqueles anos, ó Museo do Pobo Galego. Eran as revistas de arquitectura naquel momento lugares onde se avanzaba o pensamento crítico, se apuntaban liñas de traballo teórico, e, no caso da nosa, se traían ata o país os traballos e pensamentos do coñecemento disciplinar do resto de Europa e do mundo, nunha época de intenso debate sobre a responsabilidade social da arquitectura. Cos anos, no resto do século, a xestión editorial da cabeceira pasou por varios equipos de compañeiros —moitas veces xa non dependendo dos membros da Comisión de Cultura— e recolleu tanto o máis senlleiro da nosa arquitectura como as intencións de comunicación sobre, de ou desde esta.

O papel das revistas de arquitectura cambiou, o mundo da comunicación ten múltiples canles, vías de información ás que os arquitectos recorren facilmente. O formato impreso, sen perder valor, vese complementado, e moitas veces substituído, por publicacións dixitais, co mesmo valor cultural —sen, mágoa pra moitos coma min, o tacto ou o arrecendo da páxina impresa— e cunha miríade de posibilidades de relación entre fontes diversas moi superiores. Engádese a este cambio ó formato dixital a facilidade de sumar aportacións de moitos arquitectos e moitos camiños de difundir, explicar ou amosar a súa obra, incluso de servir como contedor de toda a historia da antiga revista.

É, así, outra cousa a que vos traemos aquí. Un novo medio, que reivindica e presenta ó anterior, xunto a un novo camiño, que arranca onde quedou o anterior.

Santiago de Compostela, Marzo de 2018