Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Outubro 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Montaxe da exposición itinerante "Compañeiros de Oficio"

Finalista COAG XVI
Arquitecturas efémeras e de baixo custo

Fundación Barrié na Coruña e Vigo
Toni García + Yolanda Somoza arquitectos

Texto

Esta exposición itinerante leva ao visitante a interrogarse sobre varias cuestións, a máis importante trata do por que se hai xa moitos séculos o home soubo relacionarse co seu medio e o seu clima usando os medios ao seu alcance, agora parece incapaz de definir a súa forma de habitar sen recorrer a un innecesario dispendio de recursos. Para conseguir respostas, a montaxe expositiva guía ao visitante a traveso do papel da arquitectura anónima e do uso das súas ensinanzas racionais na obra de vinte e sete arquitectos contemporáneos, valéndose dela como referente para concibir unha arquitectura axustada ás necesidades dos seus usuarios, optimizando as posibilidades que ofrece a tecnoloxía actual para lograr máis calidade de vida con menor custo e impacto medioambiental.

Esta paisaxe común que se organiza coa exposición, e na que dialogan territorios, usuarios, arquitectos e obras de distintas épocas e lugares, parte do rigor construtivo e da austeridade que propicia á diversidade e á riqueza conceptual das propostas, tanto máis creativos son os arquitectos que as pensaron e enxeñosas as súas solucións, canto máis se achegaron a dar resposta aos problemas e necesidades do lugar no que habitan. Así é que a montaxe expositiva parte desta necesidade de permitir varios diálogos, organizando lecturas paralelas e transversais entorno á arquitectura e ao pensamento dos seus construtores para devolvernos ao territorio dos sentidos, a reivindicar á experiencia de rodearnos de espazos máis humanos.

A idea de continuidade entre partes da montaxe expositiva, cunha lectura global e unha comprensión individual de distintos fragmentos de tempo e ideas, conséguese con diferentes estruturas seriadas que permiten a súa combinación para adaptarse aos distintos espazos da itinerancia. Espazos diversos organizados dende o modulo, que parte da medida do contenedor que alberga as caixas apilables para itinerar; caixas que conteñen maquetas, soportes de maquetas e paneis que poden despregarse en paredes ou conformar unha lanterna de luz; maqueta e lanterna que sumadas estruturan unha malla de 1,5x1,5m que envolven as celosías desmontables de madeira de Ayous, permitindo abrir e pechar espazos, comprender a dimensión

total do espazo ao tempo que o movemento entre celosías ofrece intimidade entre cada unha delas, abrindo ou pechando diálogos entre espazos veciños.

As alternativas á reorganización do espazo parten desta modularidade e da diferente reutilización combinada de todos os elementos, o que permite que á táboa de madeira de Ayous conforme paredes, pisos e teitos de distintas alturas adaptándose a distintos lugares. Organizando unha armazón de volumetrías diversas que acompañan as cores terra das salas, para amosarse en transición cara a sombra, na que se destaca o volume de luz das maquetas. Cuartos con historias propias, casas con habitantes luminosos que nos interrogan sobre un futuro mellor, máis relacionado co noso contorno e os seus habitantes.

Si lanternas e maquetas constitúen os volumes máis singulares da montaxe, e as celosías un esquelete estrutural que organiza espazos entre si e co perímetro das salas, soportándose a si mesmas, ou sobre teitos ou pisos. O limite que debuxan maquetas-lanternas e celosías ampliase ou acurtase co uso dos audiovisuais, as veces integrados en caixas de luz, outras en pantallas que amplían a perspectiva coma no cinema, e outras en pequenas televisións con son, o que permite integrar no conxunto á paisaxe, os artesáns e as arquitecturas vernáculas ás que se refiren os distintos arquitectos, como pano móbil que acompaña a súa obra a distancia.

A transformación das salas en espazos con distinta percepción complétase co uso das texturas e olores da madeira, co son lene das reverberación das pedras gravadas por Stephan Micus usado coma fondo musical, e da cor envolvendo cada un dos tres bloques da exposición dependendo do soporte de cada sala e das posibilidades de iluminación artificial en cada unha delas. En Vigo a madeira e o papel pintado da anterior exposición ofrecían unha nova textura coa que poder dialogar debido ao uso de proxectores Led con lentes intercambiables de distintas aperturas; en Coruña a cor terrosa aplicada ás paredes difuminaba o fondo das salas pola necesidade de usar proxectores de grandes aperturas, baixo fluxo luminoso e cor cálido.

Web do estudio:www.garcia-somoza.com