Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Marzo 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

A cidade Intuída

Premio COAG XVI
Divulgación e Investigación

Carlos Quintáns Eiras e Javier Fernández Muñoz (Coordinación)

Texto

Entre os meses de setembro de 2010 e marzo de 2011 desenvólvense en Santiago de Compostela as actividades relativas á celebración do CONGRESO_CIDADE E CAMIÑOS HISTÓRICOS. UNHA REFLEXIÓN DE FUTURO: XACOBEO 2010_2021:
A CIDADE INTUIDA, financiado pola Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

O colectivo de arquitectos que participamos na concepción, dirección e elaboración dos distintos traballos obxecto do Congreso, en representación da totalidade de profesionais de diversos ámbitos que colaboraron e posibilitaron tanto o desenvolvemento do proceso de reflexión e a celebración do seu acto público final, como a súa publicación, entendemos que representa un bo exemplo de “actividade que achega a arquitectura á sociedade e que afonda no coñecemento da disciplina” da arquitectura, polo que o presentamos á categoría F) “Divulgación e investigación” para optar a o PREMIOS COAG na súa XV edición.

O convencemento de que a acción pública mais visible e influente na cidade é a intervención sobre o espazo público, que non pode ser tratado como un simple espazo residual resultado da “xestión urbanística”, senón que debe concibirse dende unha acción positiva, recoñecéndolle a súa función estrutural e representativa da cidade, e polo tanto ser produto dunha profunda e continua reflexión, e á vista do amplo parénteses que se abría, tralos Xacobeos dos anos 2004 e 2010, ata o próximo do ano 2021, nos leva, na primavera do ano 2010, a concibir, dende a Oficina da Cidade Histórica y Rehabilitación do Concello de Santiago, a celebración dun congreso de arquitectura que reflexionara sobre o que podería se-lo espazo público dos ámbitos do patrimonio cultural do termo municipal tras unha década.

Queríamos visualizar unha “ficción”, futura e posible, que nos guiara e orientara na obtención dunha “realidade” axeitada. Non se trataba dunha representación virtual de proxectos xa previstos, senón de realizar un exercicio de imaxinación, con bases rigorosas e técnicas, que permitira aventurar e recrear posibles realidades dun futuro próximo, e ensaia-las distintas direccións que a cidade podía tomar, precisamente como reflexión previa para orientarnos nesa andadura. Os ámbitos de reflexión se estruturaron en tres escalas: territorio, cidade contemporánea e casco histórico, e, en cada escala, traballamos sobre os tres ámbitos que consideramos mais relevantes.

Na escala do territorio, indágase sobre as posibilidades de recuperar e reverter á sociedade o tecido tradicional dos camiños tradicionais, núcleos históricos e a riqueza etnográfica dos discursos fluviais. A difícil relación na cidade contemporánea entre o “vello” e o “novo” desenvólvese ó sur, no “contacto” da cidade densa histórica do Recinto Intramuros coa cidade densa contemporánea do Ensanche, ó oeste, na rápida transición dende a cidade monumental, a través do barrio de San Lourenzo, ata o río Sarela, e ó leste, na traballosa evolución do bario de Belvís e a rúa de San Pedro cara a esa fronteira que hoxe representa a Avda. de Lugo. E xa na escala da propia cidade histórica, quedaba por estudar un barrio extramuros, o de San Roque, outro intramuros, a Améndoa, e unha porción significativa do rastro da muralla medieval, entre a súas portas do Camiño e da Mámoa. Independentemente destas tres escalas de traballo, tratamos tamén o ámbito da Cidade da Cultura nun intento de non esquecer que os grandes contedores culturais públicos tamén forman parte do conxunto do espazo público da cidade.

Celebráronse varias xornadas de exposición crítica conxunta de tódolos equipos, invitándose a participar arquitectos e profesionais de recoñecido prestixio nacional e internacional, ata que, finalmente, nun acto público de tres xornadas de duración, celebrado os días 1, 2 e 3 de marzo de 2011, exponse o traballo desenvolto xunto cunha serie de conferencias de destacados expertos. Tanto os traballos elaborados polos diversos equipos participantes como o propio desenvolvemento das xornadas de traballo e públicas, así como outros contidos de interese relativos ós traballos e colaboracións no proceso, foron recollidos e “publicados” nunha páxina web e nunha publicación gratuíta en papel con formato de xornal co obxecto de darlle un carácter accesible e próximo ós cidadáns.